martes, 12 de febrero de 2013

“Ollos de Auga” e “A praia dos afogados “, de Domingo Villar.




 
   Domingo Villar é un escritor moi moi interesante. A min encántame.  Crea unhas personaxes inesquecibles, cun  inspector de policía (e consultor radiofónico as horas), perfectamente construído, tan real e humano que é impensable que non exista, o mesmo que o seu axudante,  que o non ser galego da o contrapunto perfecto o inspector e a unha obra que doutro xeito pecaría de ser demasiado galega, e perdería moito mercado entre os non iniciados na nosa retranca e maneira de ser galega.

   O  suspense e  o resto de vimbios que artellan calquera novela policiaca (o fío argumental, coas súas  trampas, ese humor particular, algúns  ambientes escuros...), xunto a outros de colleita propia do escritor (esa sensación  de morriña que se queda pegada no lector, por exemplo, impensable nun escritor americano) están tan ben trenzados, sobre todo na segunda obra ( A praia dos afogados) que lle dan a forma xusta  para que inda que as novelas non saiban a novas, si teñan un sabor fresco. E canto se votaban de menos sabores frescos na literatura galega (dito isto sen desprezo ningún polo resto de autores que andan por ahí).

  A visión que ofrece de Vigo e da ría é diferente (ou a min parécemo) da que ofrece Pedro Feijoo en “Os fillos do mar”, pero creo que se vos permitides o pracer de ler a estes dous autores, poderedes entender isto moito mellor que con calquera explicación que eu vos poida dar.  Aínda así, e  limitándome as sensacións durante a lectura,  a min pareceume que cun autor paseime  a novela mirando cara arriba ou cara abaixo, e co outro miraba  máis ben  de fronte. Pero en calquera caso, penso que  ambos escritores conseguen que a paisaxe sexa tamén personaxe da obra, e iso a min paréceme moi difícil, polo menos sen acudir a recursos xa moi trillados.  Pero bueno, para o que entendo eu de escribir…

Son dúas obras policíacas. Así que xa vos imaxinaredes de que van, aparece un cadáver, e o inspector vai desembarullando as pistas, dándolle forma nese  proceso a toda a historia, reconstruíndo a vida do cadáver, e dos que  o rodearon mentres viviu, e a  toda a trama que levou a ese final que é o principio das novelas policíacas: unha  morte. E  no medio de todo isto dando forma a propia vida do protagonista, sen afundir  moito nela (máis ben insinuando que ensinando), pero tampouco dando esa imaxe de poli que solo vive para traballar e polo tanto sen vida nin obra nin graza ningunha.

As dúas novelas pódense ler independentemente se necesidade de seguir orde algunha, pero eu penso que é mellor seguir a orde de publicación pois as obras, o igual que as personaxes e o propio escritor evolucionan.

Remato insistindo no que xa dixen no seu dia con “Os fillos do mar”. Estanse escribindo moi bos libros en Galicia e en galego. E estas son mostras moi adecuadas desto que digo.
                                                                                                           
 .
                                                                                                           

                                                                                                           

No hay comentarios:

Publicar un comentario